Thursday 28 de March de 2024

Medio Rural organiza un curso sobre agricultura ecolóxica en San Sadurniño


As inscricións poden facerse até o día 22 a través da plataforma de formación FOAGRA da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O curso comeza o día 27 de maio e irá seguido nos próximos meses doutras cinco accións formativas relacionadas tamén co sector primario

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o Concello volven colaborar este ano para ofrecer varios cursos dirixidos á capacitación ou á mellora das competencias no sector agrogandeiro. O primeiro curso promovido pola AGACAL -a través da Oficina Agraria Comarcal- estará centrado na agricultura ecolóxica e desenvolverase na Casa da Xuventude os días 27 e 28 de maio, 3, 4 e 11 de xuño. As inscricións hai que facelas obrigatoriamente a través desta ligazón da plataforma de formación de Medio Rural. Antes de anotarse recomendamos mirar a explicación sobre como facelo, xa que o procedemento non é de todo intuitivo. Con todo, se alguén ten dúbidas ou problemas para apuntarse, pode contactar co Técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, no 981 490 027.

O curso ten unha duración total de 29 horas lectivas e concíbese como unha introdución aos aspectos básicos que cómpre ter en conta antes de meterse a producir en ecolóxico. O programa está repartido en cinco apartados, que tocan a descrición de en que consiste a agricultura ecolóxica e as diferenzas coa convencional, os tipos de cultivos máis habituais, as pragas e sistemas de control de enfermidades, a fertilización e, en último lugar, dúas visitas prácticas á explotación “A horta da avoa María”, en Neda, e á “Horta da Lousa”, en Cerceda.

Os horarios están xa prefixados por Medio Rural, que puxo as sesións nas tardes dos venres de 16:00 a 20:00h e as mañás dos sábados de 9:00 a 13:00h desde o 27 de maio até o 11 de xuño. O programa pode consultarse nesta folla informativa, onde se amplían as epígrafes que vai impartir en San Sadurniño persoal do Centro de Formación Agroforestal de Guísamo. Nela tamén se explica como solicitar a inscrición a través da plataforma FOAGRA, algo que haberá que facer como moi tarde o 22 de maio.

No acceso a este curso terán prioridade aquelas persoas titulares de explotacións ou con vinculación co sector primario, ademais da mocidade que queira incorporarse á actividade agrogandeira. As accións formativas están organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria a través da Oficina Agraria Comarcal de Ferrol en colaboración co Concello de San Sadurniño e están financiadas nun 75% con Fondos FEADER.

Ademais desta acción formativa de comezo inminente, a Xunta tamén ofrecerá no noso concello outras catro: Xestión técnico económica en explotacións de vacún de leite, Competencias Dixitais, Mercadotecnia dixital avanzada, Produción micolóxica e Fertilización e manexo do solo para maximizar a súa fertilidade natural. Informaremos das datas de cada un destes cursos a medida que se vaia aproximando a apertura do prazo de inscrición.